Tag Archives: Miro Villar

As crebas, de Miro Villar

Miro Villar

As crebas

Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 2011, 52 pp.,  12 €

 

Avalado por ser merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral», publicouse xa hai algúns meses As crebas, do poeta ceense Miro Villar, dono xa dun longo percorrido bibliográfico no que se refire, basicamente, á poesía e á crítica literaria, probando fortuna tamén, duns anos para atrás, tanto nos eidos da literatura para primeiros lectores como no das bitácoras da rede cun interesante blogue que recomendo vivamente.

   As crebas, ao meu xuízo, constitúe un dos mellores libros de Villar, un dos máis puídos e intensos. Quen se achegue ás súas páxinas advertirá a construción dun ricaz diálogo de filiación poética con Cernuda e Gamoneda, con Manuel Antonio e Eliot, entre moitos outros, empregando o concepto de «crebas» como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta, que se transforma en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria.

     E alguén como Miro Villar, tan convencido das posibilidades que algunha das formas clásicas pode ofrecer para a poesía de hoxe, ofrécenos un xogo como é o de «disfrazar» trinta e un sonetos brancos en alexandrinos cunha roupaxe narrativa moi acaída que moderniza e actualiza a fórmula con acerto.

      Gustoume esta nova achega de Miro Villar e deséxolle a mellor das singraduras a este poemario na certeza de que o crebeiro seguirá a camiñar.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía, Premio | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Gonzalo López Abente: un perfil hoxe

No estudo bio-bliográfico que preludia a recuperación de Bretemada, de López Abente, o profesor Miro Villar subliña a existencia de certa descualificación crítica respecto da obra do escritor muxián que provén dalgúns dos seus coetáneos galegos mais, significativamente, non así de voces críticas do exterior. Se cadra estes xuízos primeiros, e talvez mediatizados pola sombra do gran Pondal, alicerzados en opinións subxectivas que resultan doadamente rebatibles, afectan xa non só á súa obra poética senón tamén ao que se refire a outros xéneros nos que López Abente se moveu con recorrencia. Este lastre pesou, sen dúbida, na proxección e presenza que a figura de López Abente goza no canon actual, ao que non axudou a celebración dun Día das Letras no afastado 1971, de carácter máis simbólico e resistente que outra cousa. Participo da idea que a súa obra demanda, por estas razóns, unha revisión a fondo e sen prexuízos que recupere unha voz que aboia ata o de agora nunha inxusta terra de ninguén.

         A obra poética de Gonzalo López Abente cífrase en seis libros publicados en vida, mais o rescate dunha peza poética realizada no ano 1971, alén dunha antoloxía da que precisamente se responsabilizou Miro Villar no ano 1995 e que constitúe, xunto á amentada recuperación de Bretemada, a única posibilidade accesible para saber do seu quefacer poético. Máis escuro e desasistido é o panorama que atinxe á súa obra narrativa pois esta apunta á existencia doutras seis pezas absolutamente inatopables desde hai bastantes anos. Consólame saber que non ha tardar, en Edicións Xerais, unha vindeira edición das súas catro novelas curtas –O diputado por Beiramar, O novo xuez, Buserana e Fuxidos, alén do texto “O escándalo”- nunha  rigorosa edición a cargo do profesor Suso Sambade, que tiven a oportunidade de coñecer. Este traballo volverá proxectar con rigor a López Abente no primeiro plano de actualidade e permitirá abordar esoutra faceta creativa non menor que foi a da prosa. O autor muxián ben merece que se manteña acesa a memoria do seu legado literario.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 10 de decembro de 2011, baixo o título de «Unha obra que demanda unha revisión a fondo».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Literatura, Noticia literaria, Opinión | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario

Arredor de Bretemada, de Gonzalo López Abente

 

Gonzalo López Abente

Bretemada (edición de Miro Villar)

Alvarellos, Compostela, 2011, 227 páxinas, 20 €

 

No ano 1925, as páxinas da revista Céltiga editada en Buenos Aires, acollían unha significativa prosa de Vicente Risco titulada “A velliña vella”. Este texto alegórico, moi reiterado e estudado anos despois, vehiculiza a través dun personaxe o que viría sendo unha metonimia de Galicia pois nel simbólizase  tanto o pensamento político de Risco, por extensión do Grupo Nós naquel momento, como o sentimento de perda da identidade galega e a orfandade dun pobo que esqueceu as súas orixes. Algúns anos antes de ver a luz este texto, Gonzalo López Abente, compañeiro de tarefas e angueiras de Risco, mais tamén de Otero, Castelao, Cuevillas e tantos outros no seo das Irmandades da Fala, deu cun substantivo, como foi “bretemada”, baixo o que quixo artellar, neste caso poeticamente, unha metonimia de Galicia.

         Sería cousa de ficción científico-literaria calibrar qué modificaría tanto a valoración de López Abente na literatura do seu tempo como o seu posto no canon da poesía galega do século XX se o libro que agora se rescata non permanecese inédito nos fondos da Real Academia Galega ata hoxe e vise a luz pouco despois da súa redacción. Con todo, se Xosé Luís Méndez Ferrín, responsable dunhas notas limiares desta edición, apunta que esta publicación constitúe “un acontecemento de altísima importancia” coido que non se debe entender como unha afirmación gratuíta.

         Suscribo esta anterior aseveración, pois non é difícil valorar a relevancia deste libro que nos chega mercé ao labor da Fundación Gonzalo López Abente, da compostelá Alvarellos Editora e, sobre todo, do bo facer como editor literario do profesor e filólogo Miro Villar, que deposita o preciso rigor neste traballo informando do percorrido biográfico do autor muxián, alén de engadir as pertinentes reflexións arredor da xeración literaria á que pertenceu, explorando as claves da súa obra poética publicada e reparando na recepción desta última, ademais de ofrecer atinadas valoracións arredor da obra rescatada.

         Bretemada, así pois, acolle un cento de poemas nos que agroman as principais doutrinas identitarias do nacionalismo galego incipiente daquela xeira que López Abente abrazaba, materializadas poeticamente en asuntos como o devezo pola liberdade e a férrea e rotunda defensa da lingua e da tradición, sen esquecer tampouco a exaltación da singularidade e beleza da nosa paisaxe.

         Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades editoriais. A exhumación destes textos ilumina un traxecto descoñecido do percorrido literario de Gonzalo López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso. Bretemada pon de relevo o traballo inspirado dun poeta que entendo como un valioso material literario, por fin á disposición de quen desexe achegarse a el.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 10 de decembro de 2011, baixo o título de «Rescate dunha voz precisa».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , | 3 Comentarios

Bretemada, de Gonzalo López Abente

 

Gonzalo López Abente

Bretemada (edición de Miro Villar)

Alvarellos, Compostela, 2011, 227 páxinas, 20 €

 

No Diccionario enciclopédico gallego-castellano de D. Eladio Rodríguez «bretemada» aparece definida como «niebla espesa y rastrera que ensombrece las cosas máis próximas». Desde agora este será un termo máis familiar e próximo pois con el bautizou Gonzalo López Abente un monllo de poemas, escritos entre 1917 e 1922, aos que, significativamente, quixo darlles este titulo mediante o cal opera cun intención metonímica de Galicia.
Deulle calor e agarimo a este proxecto para despexar a escuridade e depositou intelixencia e bo saber Miro Villar no momento de ordenar e editar un libro que se atopaba nos fondos da Real Academia Galega ata agora, e que ve a luz con primor editorial como adoita facer a editorial Alvarellos na súa meritoria colección «Rescate», xunto coa colaboración da Fundación Gonzalo López Abente. Deste xeito vólvese poñer no primeiro plano de actualidade a López Abente -un sólido escritor por quen ás veces se pasa sen reparar na súa relevancia- e, ademais, faise xustamente pois este libro rescatado supón, sen dúbida, unha das principais achegas que se realizaron ultimamente para exhumar o que ao meu xuízo é un valioso material literario que á forza cómpre entendelo no contexto no que se crea e toma forma como é a época das Irmandades da Fala pois velaí como a través dun cento de poemas agroman as preocupacións e as doutrinas identitarias do nacionalismo daquela xeira: o devezo pola liberdade, a singularidade e beleza da nosa paisaxe ou a férrea defensa da lingua e da tradición.
Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades. A exhumación destes textos ilumina un anaco da historia literaria de López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso.
Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , , | 2 Comentarios

Ser auga, darse en auga, de Bernardino Graña

 

Bernardino Graña

Ser auga, darse en agua. Medio século: 1958-2008 (edición de Miro Villar)

Centro Pen Galicia, col. Arte de Trobar, nº 17,  226 páxinas, 19,80 €

 

Cómpre valorar moi positivamente esta iniciativa que fai máis accesible unha visión de conxunto, a través dunha intelixente e documentada escolma poética, da achega poética global que, ao longo de medio século, un gran poeta como é Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi deixando espallada nos seus numerosos libros. Ben é certo que en 1995 a editorial Espiral Maior publicou Ardentía, na que se recollía daquela a totalidade da súa obra poética que vira a luz ata o momento, mais tras aquel volume viñeron algúns máis aquí tamén seleccionados.

    O labor de introdutor, editor e mais seleccionador chega, nesta ocasión, da man doutro poeta, e tamén investigador literario, como é o ceense Miro Villar, lector especialmente atento ao feito poético galego en xeral e ao devalar da poesía de Bernardino Graña en particular. Isto explica que o resultado do traballo sexa excelente pois Villar ofrece unhas páxinas limiares nas que, canda a necesaria revisión biográfica que analiza os princapais socalcos vitais do autor, articula unha revisión globalizadora coa ollada posta na totalidade dos poemarios publicados polo arestora académico da RAG, estudados individualmente desde o punto de vista da súa xestación, dos seus contidos e formas, percorrendo así desde o iniciático Poema do home que quixo vivir (1958) ata o seu último Acendede as almenaras (2008).

     A antoloxía, ampla e ilustrativa, exhibe de seu a espectacular riqueza lingüística que sempre amosou o labor poético de Bernardino Graña e posibilita asomarse ás principais e máis representativas liñas de sentido que alimentaron o seu corpus poético. Velaí como, sen esquecer o continuo diálogo que sempre mantivo con poetas da nosa tradición, sexan contemporáneos ou non, este libro permítenos asistir á evolución da súa estética que vai desde as iniciais preocupacións de corte existencialista, pasando polas composicións rexidas por unha intención cívica ou aqueloutras que transitan pola temática de xinea ecoloxista ou de celebración da natureza. Nesta antoloxía é posible ver tamén as dimensións da súa ollada evocadora, a especial atención que outorgou ao espazo  mariñeiro ou á temática erótica ou amorosa por só citar algúns dos motivos que percorren a súa poesía.

   Este volume gobérnase, ademais, desde unha intención nada oculta que quere recoñecer unha exemplar traxectoria poética. Teño para min que para quen xa recibiu o Pedrón de Honra ou o galardón “Voz da liberdade”, instituído tamén polo propio PEN Galicia, a quen se lle tributou unha merecida e entrañable homenaxe hai catro anos organizada pola Asociación Cultural <<A Cepa>> na súa Cangas natal, ha recibir tamén este volume como un galano que debería contribuír a  reforzar o lugar sobranceiro que a súa obra ocupa hoxe na lírica galega. A lectura desta antoloxía, sexa para revisitar a súa obra ou sexa para descubrila por vez primeira, non defraudará pois transmite sensibilidade artística ás mancheas e un especial coidado depositado na música e no ritmo. Aínda que fose só por iso xa pagaría a pena.

 

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 16 de abril de 2011, baixo o título de «Cincuenta anos de poesía».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , | 1 Comentario