Tag Archives: Qué leer

Ramón Caride: libros xuvenís para pensar

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957) exerce a docencia nun centro de ensino secundario e a súa traxectoria literaria, que abrangue distintos xéneros, foi recoñecida con numerosos galardóns entre os que destacan o Premio Branco Amor, o Lueiro Rey e o Merlín de literatura xuvenil.

Publica para primeiros lectores Catro amigos pillabáns e A pomba dona Paz: subxacen aí os mesmos valores da súa obra?
A pesar de seren libros cun forte compoñente gráfico e dirixidos ás primeiras etapas lectoras, son distintos: A pomba… é un libro feito expresamente para celebrar o Día Escolar da Paz e poñer de relevo cousas como a tolerancia, a ecoloxía e a convivencia nas aulas; mentres que Catro amigos… é máis ben un libro de aventuras protagonizado por animais. No fondo, non obstante, comparten os mesmos valores.

Fálenos da tradución d´O frío azul.
O frío azul (en Anaya en castelán, en Sotelo Blanco en galego) é unha novela histórica, ambientada entre 1517-1525, con elementos realistas, como un proceso inquisitorial ben documentado, pero con moitos elementos fantásticos e lendarios. Transcorre entre Oseira, Xálima (Estremadura) e Toledo. Acaba de recibir o premio «Templis» á mellor novela autoconclusiva nacional do ano 2011 instituído pola revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas. Estou orgulloso deste premio, porque está outorgado polos lectores.

Exogamia 0.3 tamén foi un título ben acollido por crítica e lectores…
É un libro de relatos para pensar e debater sobre a explotación infantil, as consecuencias da industria nuclear, os avances biomédicos ou a emigración clandestina. Está construído a partir de informacións xornalísticas e de avances recentes publicados en revistas científicas, buscando un dobre obxectivo: a máxima actualidade e a maior diversidade de técnicas narrativas. A súa excelente recepción demostra que os novos lectores non teñen apriorismos á hora de ler. En contra do que se di ás veces, creo que non debemos rebaixar o nivel de esixencia e precisión nos textos para adolescentes. Continuarei esta serie con Endogamia 0.2, xa redactado.

Non descoida a lírica: que achega A chuvia humana á súa obra anterior?
A chuvia humana é, esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente).

Algún proxecto actual?
En galego publicarei un libro de novelas curtas e relatos para adultos, Sarou/Louzós, centrado na serie negra realista. Estes dous topónimos imaxinarios marcan os meus dous espazos míticos: as Rías Baixas, onde vivo, e a Galicia interior, profunda, montañosa e agora case deshabitada, da que procedo. É a primeira vez que todo o ciclo, vinte anos de traballo, se publica nun volume único. Espero tamén completar a publicación en castelán da serie, xa ben coñecida, d´As aventuras de Said e Sheila, coa publicación do cuarto volume, A negrura do mar, ilustrado como os anteriores por Miguelanxo Prado.

Este texto publicouse, na súa versión en castelán, nas páxinas da revista Qué leer, nº 175.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas | Coas etiquetas , | 2 Comentarios

María Reimóndez: «Experimento co estilo»

(Foto de Achim Wagner)

María Reimóndez (Lugo, 1975), vive en Vigo e exerce como tradutora e intérprete. Recibiu numerosos galardóns literarios e realizou diversos traballos de investigación e divulgación sobre feminismo. Fundou en 1998 a ONG «Implicadas no Desenvolvemento», que preside na actualidade, e da que falamos nesta entrevista. Para adultos, entre outros títulos, publicou O club da calceta (traducido ao castelán en Algaida) e Pirata. A súa próxima  novela -En vías de extinción- aparecerá en galego a primeiros de maio e en castelán a final de ano na editorial compostelá «KNS Ediciones».

Como tradutora a súa última achega reflíctese en Despois da medianoite, de Salma. Fáleme desta experiencia concreta.
Para min foi sobre todo unha gran responsabilidade. Para as persoas que entendemos a tradución como unha práctica ética na que o poder desempeña un gran papel, traballar coa voz de «a outra»por excelencia requiría unha serie de estratexias moi reflexionadas pola miña banda. Ademais foi un gran pracer dado que é unha novela magnífica, chea de matices e capas de lectura.

Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club… achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutís ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás  lesbianas/bisexuais en particular.

E onde radicarían as diferenzas destas novelas?

As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.

Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta!

Coordina dende hai tempo a ONG Implicadas no Desenvolvemento, cales son os seus obxectivos?
Os obxectivos son promover unha conciencia crítica na nosa sociedade en xeral e en Galicia en particular sobre como nos relacionamos cos pobos do Sur dende un punto de vista de xénero. O noso traballo é político e crítico e nel a cultura como ferramenta de cambio e de alianzas coas activistas do Sur ten un papel fundamental. Nese marco entendo tamén a tradución de Salma, a quen primeiro traducín para un libro da organización, Vanakkam-Benvidas, de poetas galegas e támiles.

Esta entrevista publicouse no número 174 da revista Qué leer, na sección «Letras gallegas». Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas, Literatura | Coas etiquetas , | 2 Comentarios

Antón Riveiro Coello: prosa con substrato poético (entrevista)

Na sección «letras galegas» da revista Qué leer (número 172) publícase unha breve entrevista con Antón Riveiro Coello por mor da súa novela Laura no deserto. O autor fala sobre as  perspectivas depositadas nesta interesante narración, desvelando  as súas orixes e deténdose nas liñas principais do seu argumento, alén de engadir algunha referencia á súa construción. Pódese ler premendo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas, Narrativa | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Xavier Queipo, aniversario con premio de fondo, Letras galegas en Qué leer nº 171

Nesta entrega de Qué leer (nº 171) reprodúcese unha entrevista que mantiven con Xavier Queipo, ao fío da publicación de Extramunde. Nela houbo espazo tamén para dialogar arredor doutros asuntos de índole literaria, política e social. Aquí deixo a entrevista:

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

Letras gallegas en Qué leer, nº 170. Entrevista con Fran Alonso: «En literatura no caben las certezas»

 

Na entrega da revista Qué leer, correspondente a este mes de novembro que comeza, ademais doutro texto que subirei á bitácora en poucas datas, dou a coñecer unha entrevista realizada a Fran Alonso por mor da publicación, entre outros asuntos sobre os que dialogamos, de Ninguén: proposta que está sendo ben acollida pola crítica e respecto da que se acaba de pór a circular unha imaxinativa «primeira campaña viral na rede a favor dun libro galego» . Deixo aquí a entrevista:

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas, Literatura, Novidades editoriais | Coas etiquetas , , , | Leave a comment