Tag Archives: Roberto Vidal Bolaño

«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 62 (maio-xuño 2013)

Esta última entrega de Biblos ofrece unha reflexións de  inequívoco interese sobre o relevante papel que xogan as Bibliotecas Escolares. Particularmente subscribo na integridade ese artigo que asinan Carmela González e Tucho Calvo, que me permito reproducir nos seus primeiros parágrafos:

<<Se falamos de tecidos básicos para a nosa cultura, desas redes que se asentan na totalidade do territorio e que garanten que os co…ñecementos e a creatividade cheguen a todos e se espallen e fructifiquen, sen dúbida cómpre dedicarlle un apartado moi especial ás bibliotecas escolares.
          É certo que, mesmo entre os colectivos de profesores, hai quen pensa que para atender a biblioteca dos centros destínanse as persoas menos capacitadas. Pero iso é así en tan poucos casos, que resultan insignificantes.
             A auténtica realidade, que desde Biblos coñecemos polo trato directo e persoal, é que a entrega de moitos responsables de biblioteca ou, no seu caso, dos equipos que as atenden, é tan absoluta como militante e que vai moito máis aló do que sería estritamente a súa obriga.
                  Aínda que, sen dúbida, os medios cos que contan (económicos ou de horas dispoñibles, que cada vez son menos e, ás veces, inexistentes) son determinantes no seu labor, o compromiso dese colectivo de docentes fai posible a existencia de moitos novos lectores desde as escolas infantís ao bacherelato, e aínda chegan na súa influencia a colectivos de pais e veciños agrupados en clubes de lectores.>>

              Pola miña parte reproduzo aquí a miña colaboración na sección <<Breviario>>:

1. Maio reclama a atención, inexcusablemente, arredor do Día das Letras e, nesta ocasión, deita unha ollada actualizadora á figura e obra de Roberto Vidal Bolaño: unha xusta  escolla que recoñece a relevancia do seu labor dramatúrxico e cultural. Achegarse  aos libros publicados nos últimos meses sobre o autor compostelán ou acceder ás  súas Obras Completas que está a editar Edicións Positivas sería un dos mellores recoñecementos que a sociedade lectora podería realizar como tamén o podería ser o de asistir a alguna representación teatral.

2. Non é menor a relevancia do outro foco de atención que suscita a celebración  dos 150 anos da publicación da primeira edición dos Cantares gallegos rosalianos. Sempre é tempo de ler a Rosalía mais facelo na edición que dispuxo Anxo Angueira hai escasas datas resulta, sen dúbida, unha fortuna.

3. Circulou, días atrás, un manifesto de apoio ás editoriais galegas que particularmente subscribín, como algún informe que advirte das serias dificultades que, arestora, está a atravesar o sector. Desde aquí vaia a miña adhesión a todo o que teña que ver coa defensa das nosas empresas editoras pois, sen o seu traballo e esforzo, case heroico nestas condicións tan duras que atravesamos, a dinámica do noso sistema literario transformaríase de xeito probablemente tráxico. Aínda é tempo de apoiar ás nosas editoriais.

4. Unha excelente maneira de materializar estes apoios é a que posibilita a celebración  das diferentes Feiras do Libro, que xa comezaron o seu percorrido por toda Galicia. Hai algunhas novidades no que se refire ao seu formato e actividades que convido a coñecer como tamén a asistir a algunhas das actividades que se organizan.

5.  Queda alguén sen ler Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño? De for así, un título avalado pola concesión de catro galardóns literarios distintos, todos eles de inequívoca relevancia e outorgados nun prazo de trinta días, creo que debería convencer de seu ás posibles lectoras e lectores arredor dos indiscutibles valores que este gran libro encerra.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Literatura galega | Coas etiquetas , , , , , , , | Leave a comment

Con Vidal Bolaño

Chovía que arroiaba pero Anxo Cabada captou o final da homenaxe que no  IES Valadares lle rendemos a Roberto Vidal Bolaño. Este apuntamento dedícollo a Anxo, a Vidal Bolaño e a todo o marabilloso alumnado do centro,  co que aprendo día a día.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Día das Letras, Divulgación, Docencia | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

«E quen foi Roberto Vidal Bolaño?» (en Qué leer, nº 187, Letras galegas)

DE PRIMEIRAS, TRÁTASE DO DRAMATURGO (SANTIAGO, 1950-2002) A QUEN A REAL ACADEMIA GALEGA DECIDIU DEDICAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DESTE MES DE MAIO

Roberto Vidal Bolaño, aínda que poida soar tópico, entregou a súa vida ao teatro galego. Esta foi a súa vocación e viviuna con tal intensidade que o seu legado constitúe un patrimonio colectivo que harmoniza a rica tradición teatral galega do século XIX coas diferentes sensibilidades da segunda parte do século XX ás que, dalgún modo, representa.
Desde os seus comezos, cando se lle encadrou na chamada «Xeración Abrente», ata os seus últimos días, durante os que nunca deixou de escribir nin de traballar, a súa produción teatral constitúe o corpus máis completo da historia da dramaturxia galega contemporánea. Salienta non soamente pola cantidade de obras publicadas e representadas senón polo seu indiscutible talento, pola calidade que atesouran esas achegas. Con todo, a súa vinculación co teatro non se limitou á creación de propostas textuais pois os estudos sobre a súa obra e traxectoria coinciden en sinalar o seu papel pioneiro no ámbito da produción audiovisual galega, ademais de recordar o seu labor como actor, director de escena ou guionista.
A decisión da Real Academia Galega é acertada, penso, por xusta e porque Vidal Bolaño merece ser lembrado e homenaxeado pola súa inestimable contribución á cultura galega e, específicamente, ao teatro galego. Esta declaración autobiográfica condensa, ao meu xuízo, a súa personalidade e os seus obxectivos creativos: «Son un home…, un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida manía de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e, non obstante, por iso máis grandiosas».

ESTUDOS E REEDICIÓNS

Máis ben escasa foi a contribución editorial neste «Ano Vidal Bolaño». Así e todo, hai que deixar constancia dunha madrugadora monografía a cargo do crítico teatral e xornalista Camilo Franco: Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (Biblos), ademais dun completo estudo a cargo da profesora Laura Tato baixo o título de Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro (Toxosoutos) e da edición das Obras Completas do autor, no seo dun ambicioso proxecto do que se responsabiliza Edicións Positivas, no que viu xa a luz o primeiro volume desta serie*. Non quero esquecer a posta en marcha da «Asociación RVB»: un colectivo que nace co obxectivo de promover a figura do autor compostelán e conformado, entre outras persoas, por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, X.M. Fernández Castro e Camilo Franco que xa puxeron un marcha unha interesante web (http://robertovidalbolano.org//).

Este artigo publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 187 e na sección Letras Galegas. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.

* Ao redactar esta colaboración non accedera aínda a outras achegas como as que se reflicten nun anterior apuntamento deste blogue.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Artigo, Día das Letras, Divulgación, Ensaio, Literatura galega | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, de Roberto Pascual

Roberto Pascual

Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro

Xerais, Vigo, 136 páxinas, 10 €

 

A tres días da celebración do Día das Letras, como é ben sabido centrado na obra de Vidal Bolaño e mais na súa dimensión intelectual, o certo é que a habitual presenza de publicacións centradas na celebración viuse limitada, fóra da edición das Obras Completas a cargo de Edicións Positivas, ás achegas biográfico-literarias que subscribiron Camilo Franco, Laura Tato, Montse Pena e Gonzalo Veloso, Afonso Becerra (que aínda non tiven a oportunidade de ler mais respecto da que oín comentarios eloxiosos), alén de algún rescate textual e o presente Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, que chega da man de Roberto Pascual. O certo é que todas estas publicacións, que conflúen na exhibición dun espírito divulgativo, sempre resultan operativas para descubrir voces talentosas como, neste caso, a do responsable deste volume que xa der a coñecer hai algún tempo libros como Palabra e acción. A obra de Manuel Lourenzo no sistema teatral galego (2006), 25 anos. Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2009) ou Alén. Xaime Quintanilla (2010).

       Ao meu ver, cómpre destacar este estudo pois o autor amosa un discurso narrativo crítico e informativo, de carácter  fluído e intelixible, ao que lle dá forma a través da análise concienciuda e documentada do percorrido de Vidal Bolaño tanto no que se refire aos aspectos biográficos como aos estritamente literarios. Se brevemente tivese que salientar algunhas páxinas deste volume non esquecería as que se centran na presenza e actividades do autor de Rastros no seo da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; a análise cumprida e solvente tanto dos espectáculos dramatúrxicos nos que Vidal Bolaño  participou como autor ou director, alén doutros aspectos como os que denomina «monólogos e o oficio de bufón», o labor que levou a cabo como escenógrafo  ou mesmo o rol que desempeñou como crítico literario, nun diálogo, constante, con achegas que sobre o labor teatral ou outros asuntos deixaron por escrito algunhas voces especializadas ou, por escrito, o propio dramaturgo este ano homenaxeado. Ao tempo incorpórase, na parte final do libro e como interesante complemento, unha breve escolma textual e unha presentación diacrónica das obras teatrais de Roberto Vidal Bolaño.

     Unha achega sintética, documentada e máis que satisfactoria verbo do universo Vidal Bolaño, imprescindible para saber máis sobre o dramaturgo e, por extensión, arredor das xustas razóns que levaron á RAG á decisión que adoptou para este maio das letras.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Día das Letras, Ensaio | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso

Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso

Un chapeu negro e un nariz de pallaso

Editorial Galaxia, Vigo, 76 páxinas, 2013, 15 €

 

 

Pódese acceder xa a outra novidade que, como era de esperar, afonda no universo Vidal Bolaño, case a piques de estrear o mes de maio cando boa parte da atención cultural deberá centrarse no dramaturgo compostelán.

      A editorial Galaxia, neste caso e a través desta achega titulada Un chapeu negro e un nariz de pallaso, propón realizar un percorrido polas claves vivenciais e literarias de Vidal Bolaño cun formato peculiar, ao meu ver extraordinariamente manexable e atractivo,  que ademais inclúe un DVD que entendo como un óptimo recurso didáctico e informativo para avanzar no coñecemento do autor, tanto a nivel da súa traxectoria estritamente biográfica como no plano persoal, construíndo unha impecable homenaxe a través desas imaxes e voces recollidas e dispostas por Gonzalo Veloso, responsable de presentarnos  unha galería de persoas que expresan, con substantividade, opinións que van revelando e configurando o que había baixo esa acertada imaxe que lle dá título ao proxecto: un chapeu negro e un nariz de pallaso.

    Algunhas das claves que explican o que había e hai baixo eses dous elementos teatrais deposítanse no documental mais, por  outro lado, tamén repousan  na moi solvente e acaída  achega ensaística que vén da man da profesora Montse Pena, sempre atenta a manexar un rexistro que conxuga  didactismo e ludismo ofrecendo unhas páxinas expostas coa claridade e a rigorosidade que se agarda dun traballo deste tipo. Adóptase así pois, e con naturalidade, unha perspectiva que  converte este percorrido nunha lectura amena, talvez polo intenso traballo de filiación literaria que, sen dúbida, o singulariza con fortuna e que permite achegarse, con fluidez e efectividade, aos principais socalcos tanto da práctica de dirección como dos traballos vinculados á produción que desenvolveu Vidal Bolaño.

      Sen dúbida, tanto  o traballo de Montse Pena, do que tamén saliento o acaído da súa estrutura, como o aquel que se incorpora no DVD, enténdoos unha invitación formulada para ler as pezas do dramaturgo, para facilitar a comprensión global dunha produción dramatúrxica fundamental  para a historia do teatro galego e, por extensión, para a nosa propia cultura. Parabéns pola iniciativa e polo gran traballo acadado.

         Velaquí un adianto dese documental incluído na publicación:

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Día das Letras, Ensaio | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment