Tag Archives: Rosalía de Castro

Epitafios literarios (e 2)

Continúo hoxe con algúns dos epitafios que quixen traer aquí, ao fío doutros que se recolleron  nun apuntamento previo. Este primeiro non ten nada de literario, apenas o nome do falecido e a data da morte, pero ben merece estar aquí pola súa emotividade: trátase da traslación á pedra dun apuntamento rápido que Alexandre Bóveda redactou, segundo indica o seu biógrafo Xerardo Álvarez Gallego, mentres subía ao coche que o conduciría diante dun pelotón de fusilamento na Caeira.

       Nas lápidas actuais de Rosalía e Pondal, a primeira no Panteón dos Galegos Ilustres e a do segundo no cemiterio de San Amaro rezan mensaxes máis concisas: «a que foi groria da sua patria»  e «aquí jaz o cantor da raza galega», respectivamente.

    Curioso resulta, por exemplo o texto que se sitúa a carón da lápida do mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro: unha composición do autor de Cantares gallegos, poeta de fondas conviccións liberais e republicanas.

     Significativo é o epitafio da tumba do poeta inglés John Keats, que reza algo así como: «Esta tumba   contén todo o que era mortal, /  dun mozo poeta inglés, /  Que, / no seu leito de morte, na amargura do seu corazón, / diante do malicioso poder do seus inimigos / desexou / que  estas palabras fosen gravadas na súa tumba de pedra: / Aquí xace alguén / cuxo nome se escribiu en auga», redactado polos seus amigos Joseph Severn e Charles Armitage Brown, que quixeron acompañar a vontade do amigo poeta cunha aclaración que fixese referencia ás dificultades que sufriu en vida para difundir a súa obra literaria.

        Conclúo xa cunha fotografía tirada no cemiterio de Montparnasse onde repousan os restos de Cortázar, xunto a Carolina Dunlop, cunha sinxela referencia ás datas de nacemento e morte. O propio Cortázar, en Último round deixou escrito un poema titulado «El poeta propone su epitafio» que, como se ve, non aparece na súa lápida pero déixoo aquí abaixo (nesta ligazón encérranse outros epitafios máis, coas súas pertinentes explicacións, de Dickinson a Shakespeare, pasando por Heminghway ou Voltaire entre outros).

 Por haber mentido mucho ganó un cielo
mezquino, a rehacer todos los días.
Por ser traidor hasta con la
traición, lo amaban
las gentes honorables.
Exigía virtudes que no
daba
Y sonreía para que olvidaran.
no vivió. Lo vivían, un cuerpo
despiadado
y una perra sedienta, Inteligencia.
Por no creer más que en
lo bello, fue
basura entre basuras,
pero miraba todavía el cielo.
Está muerto, por suerte. Ya andará
algún otro como él.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación | Coas etiquetas , , , , , , | 4 Comentarios

«Breviario», en Biblos. Clube de lectores, nº 57 (xullo-agosto 2012)

1. Agustín Fernández Paz. A AELG, a través dunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas, solicitou o nomeamento como Doutor Honoris Causa para Agustín e o 20 de xuño de 2012 o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo decidiu aprobar esta proposta por maioría. Enténdoo como un acto de xustiza este máximo recoñecemento universitario; tamén o foi a emocionante Homenaxe que se celebrou 0 30 dese mesmo mes en Vigo.  Beizóns para Agustín.

2. Vidal Bolaño. Xa temos autor para as Letras 2013. Recoñezo a miña satisfacción con esta escolla, como igualmente a amosaría con algúns dos candidatos que se barallaban. O dramaturgo compostelán posúe incontestables méritos para este nomeamento e coido que debe ser un ano para que se fale tamén de teatro galego, que se proxecte a relevancia deste xénero na nosa sociedade e que se mellore a súa saúde.  Quedou Rosalía de Castro fóra desta escolla, que sería unha elección magnífica pois 1963, cando se lle dedicou, queda xa ben lonxe. Con todo, conxecturo que non ha ser difícil que o Parlamento de Galicia e outras entidades, seguindo o ronsel do ocorrido con Álvaro Cunqueiro en 2011, e no presente ano con Celso Emilio Ferreiro, poidan acordar dedicar o 2013 a enxalzar a memoria rosaliana. Unha e outra celebración non as entendo como incompatibles; é máis, teño para min que resultan felizmente complementarias. Oxalá así sexa.

3. Non esquezo que estamos no verán e non vou recomendar ningún título concreto aquí mais si apunto algúns dos volumes que, por diversas razóns, agardo que me poidan acompañar este tempo: En vías de extinción, de María Reimóndez, Tempo de outono de Mario Regueira, Iria de Anxo Angueira, a biografía sobre Murguía que subscribe  X.R. Barreiro e os Rapoemas de Aid (na foto superior). Falarase deles.

4. Conclúo coa referencia a un novo selo editorial: Fabulatorio, que chega da man de “desescribir”: un estudio galego de deseño gráfico e editorial. Os seus primeiros pasos son moi prometedores e, desde aquí, deséxolles toda a sorte do mundo.

 

Este texto publicouse nas páxinas de Biblos. Clube de lectores, nº 57.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Divulgación, Literatura | Coas etiquetas , , , , , | 1 Comentario

Rapoemas, de Aid

Aid

Rapoemas

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 30 páxinas + CD, 20 €

 

Saúdo con entusiasmo esta iniciativa que bota a andar estes días a Editorial Galaxia baixo o título de Rapoemas e que ofrece, por xunto e cun feliz resultado, textos da poesía galega clásica levados pola  voz e  ritmo hip hop da cantante viguesa Aid.

    Por experiencia propia -penso nas célebres versións realizadas por García Mc (Dios Ke Te Crew) sobre textos de Celso Emilio Ferreiro-, sei da relevancia que a música pode ter como transmisora da poesía para a mocidade, aínda máis se a interpretación que esta adopta se alicerza en ritmos próximos ou familiares a aquela.

   Neste caso, Aid realiza sorprendentes e frescas versións musicadas de diversos poemas rosalianos, xunto con outros da autoría de Curros Enríquez, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro, todos eles recollidos nese libro, editado requintadamente, que acompaña ao cedé, e que se pecha cun epílogo de Pemón Bouzas baixo o título de «Unha convulsión musical», no que subliña algunhas das claves desta achega.

    As versións cómpre gozalas na súa integridade mais, para confirmar a potencia de Aid como intérprete destes textos poéticos clásicos, velaquí un vídeo da súa intervención na presentación do libro-cedé celebrada hai poucos días na Feira do Libro de Vigo:

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Música | Coas etiquetas , , , , , , , | Leave a comment

Rosalía na voz de Celso Emilio Ferreiro

Quixera nomear c-unha palabra

o antigo donaire,

a frol que non se murcha,

a serán sosegada,

a mansa pomba,

a luz da fe, na interminabel tebra.

Direille, Rosalía.

                                     («Miña matria Galicia», Celso Emilio Ferreiro)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Efeméride | Coas etiquetas , | Leave a comment

De Vidal Bolaño a Rosalía

 

Xosé Manuel Fernández Castro

A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño

Laiovento-Xunta de Galicia, Santiago, 590 páxinas, 26 euros

 

 

 

Xesús Alonso Montero (director)

Revista de estudos rosalianos, nº 4

Fundación Rosalía de Castro, Padrón, 328 páxinas

 

VIDAL BOLAÑO: UNHA REVISIÓN NECESARIA

          Cómpre entender como unha magnífica noticia a publicación dunha síntese da tese de doutoramento que Xosé M. Fernández Castro defendeu no seu día e que agora ve a luz baixo o título de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Unha proposta que cómpre valorar na súa xusta medida nun tempo en que a edición de textos ensaísticos conleva un inequívoco risco comercial que fai complexa a súa posta en circulación.  Con todo, o dramaturgo Vidal Bolaño merecía por méritos propios unha monografía como a presente na que se afonda na carreira profesional do home de teatro en dúas liñas principais; unha delas amosa as claves principais da súa personalidade pública, internando aos lectores nos elementos máis substanciais da súa vida, obra e pensamento para, a continuación, abordar unha análise globalizadora, e exhaustiva, arredor de Agasallo de sombras nun exercicio que fai agromar de seu as liñas esenciais do traballo teatral de Vidal Bolaño na perspectica dramatolóxica, subliñando asemade moitas das polémicas que rodearon “o elenco e a estrutura do Centro Dramático Galego”, como sinala o propio autor.

         A miña valoración deste ensaio ten que ser, á forza, positiva e satisfactoria. Reclama xustamente a atención dos lectores sobre o traballo e a personalidade dunha das persoas claves no desenvolvemento da nosa dramaturxia máis recente, fai pensar na necesidade de realizar unha edición moderna das súas pezas dramáticas e, por último, revela a rigorosidade que o autor do ensaio aplicou neste traballo pois alén do esforzo que supón dialogar coa bibliografía previa é doado constatar o intenso mergullo na tarefa de recadar material todo tipo para a redacción: entrevistas, cartas, consulta de fontes hemerográficas… Todo isto faime pensar que non estou errado se considero esta monografía como unha das achegas ensaísticas máis salientables e relevantes entre as publicadas no que vai de ano, ademais  teño para min que a súa publicación non debería nin merecería pasar desapercibida.

 

ROSALÍA DE CASTRO: NOVOS ASEDIOS

           Un amigo agasállame co que entendo outra feliz iniciativa, tras un ano de obrigado silencio por cuestións orzamentarias, como é a publicación da cuarta entrega da Revista de estudos rosalianos, que edita a Fundación Rosalía de Castro e mais o Centro de Estudos Rosalianos. A publicación, dirixida por Xesús Alonso Montero, recupera o seu pulso e volve converterse nunha cita ineludible para os rosaliólogos, mais tamén tamén para quen lle interese estar ao día no ámbito das novas investigacións que se realizan arredor da autora de Follas Novas

         Non hai espazo para dar conta aquí nin sequera da abondosa nómina dos colaboradores deste número. Con todo, gustaríame subliñar a inclusión de sempre rigorosos e perfilados capítulos verbo de cuestións biográficas de Rosalía, como o que vén da man dunha das mellores especialistas na materia, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda arredor, nesta ocasión, de José Martínez, pai de Rosalía. Non esquezo outras propostas como as que revisan a súa obra á luz de novas visións críticas, xunto con lecturas de libros rosalianos, comentarios textuais, exhumacións poéticas ou unha entrevista con Takekazu Asaka, que revela interesantes informacións verbo da recepción da obra de Rosalía no Xapón.  

    Non quixera concluír sen insistir na pertinencia de novas seccións como a que incorpora visións plásticas sobre Rosalía da man de Antón Pulido ou Isaac D. Pardo; a que dá corpo ao epígrafe titulado “o meu encontro con Rosalía”, neste caso da man de Manuel Sánchez Salorio ou, finalmente, a sección que convida a escribir ficción cun fondo ou asunto rosaliano, respondendo ao pedimento no presente número Mª. X. Queizán e mais M. Zabal, con dous suxestivos textos.  Unha entrega que mata a sede de saber sobre Rosalía, esperando que sexa de aquí a un ano.

 

Esta recensión publicouse co título que dá encabeza este post nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 5 de novembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio, Revista | Coas etiquetas , , , , , , , , | Leave a comment