Tag Archives: Salma

Letras galegas en Qué leer, nº 168. Entrevista con Salma, autora de Despois da medianoite

No número correspondente ao mes de setembro publiquei,  na revista Qué leer, unha entrevista á escritora támil Salma, por mor da publicación do seu Despois da medianoite. Non a incorporara aínda a este bitácora de xeito que aquí a deixo na súa versión en galego:

«SALMA E O DEBATE SOBRE A MULLER MUSULMÁ»

Convidada pola ONG Implicadas non Desenvolvemento, a escritora támil Salma visitou Galicia e presentou Despois dá medianoite (Xerais), publicada ata só na súa versión orixinal e en inglés.

Salma (Thuvarankurichi, 1970), simboliza unha parte substantiva da literatura india de expresión en támil. De formación fundamentalmente autodidacta comezou a escribir poesía dende moi nova e publicou clandestinamente durante moitos anos utilizando un pseudónimo. Dende diversos sectores a súa obra foi obxecto de duras críticas polo tratamento que realiza da sexualidade feminina e polo contido feminista dos seus escritos. Na actualidade é Directora Xeral de Asuntos Sociais en Támil Nadu, onde reside.

-Cal foi o proceso de xestación desta novela?
-Comecei a desenvolver a idea da novela sendo bastante nova, reflexionando sobre os asuntos que aparecen nela. Con 25 anos tiña claro que xustamente quería escribir esta novela, pero naquel momento tiña moito medo pola repercusión que podería ter e polos problemas que podería provocar na miña familia e onde vivo. Por fin, con trinta anos decidín rematala. Así e todo, o proceso de redacción non foi doloroso porque era a miña vida, aquí están as cousas que formaron parte de min, aínda que se sentise medo.

-Entón, canto hai de ficción e canto de realidade?
-Ambas as dúas cousas: a novela inclúe fragmentos biográficos, pero tamén suscito a reflexión, intérnome no ámbito dos sentimentos e da ficción. É dende as súas páxinas como como intento compartir todo iso. Dalgún xeito en todos os personaxes vou poñendo un pouco de min.

-A vida cotiá adquire na súa novela unha enorme plasticidade…
-Hai certa tradición nas novelas támiles do emprego destes recursos, pero o novidoso na miña novela é máis ben o mundo que deseño de xeito global: o mundo dunha comunidade musulmá onde eses olores e sabores se resultan novos na súa plasmación literaria, aínda que o que máis persigo é abrir o debate sobre a vida das mulleres musulmás.

 -Na novela xorden conflitos de carácter relixioso e étnico, de difícil resolución?
-No campo da relixión todo é moi complicado porque todo o mundo quere ter o seu único deus, e as súas conviccións son case inamovibles; pero en canto ás cuestións de tipo étnico gardo máis esperanza porque dende o punto de vista da política sempre se pode promover un mellor entendemento.

-Cales son as expectativas que deposita nesta tradución?
-Pronto aparecerá en alemán. Teño moita curiosidade por coñecer a recepción da novela. No meu país non gozou de ningunha recensión favorable por cuestións de tipo político e patriarcal; pero a partir da tradución inglesa comezou a obter algún recoñecemento. Tamén sei que é a primeira vez que se traduce unha autora támil ao galego e estou moi agradecida a María Reimóndez polo seu labor.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas, Literatura | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Vanakkam. Benvidas, VV.AA.

 

VV.AA.

Vanakkam.  Benvidas

Implicadas no Desenvolvemento, Vigo, 2007, 92 páxinas, 10 € (inclúe cd coa gravación dos poemas).

Por veces, moitas veces, resulta complexo que non se escape da atención que merecería esta ou estoutra publicación. Isto é o que me ocorreu co presente libro, editado hai cinco anos e que descubrín grazas a María Reimóndez, responsable de subscribir nel un acaído e divulgativo limiar e quen semella, por outro lado, a alma mater deste volume.  Sabedora do meu entusiasmo por ese magnífico libro que é Despois da medianoite, da autora támil Salma -unha novidade respecto da  que, todo sexa dito, non advirto un proceso receptivo que sitúe con xustiza a relevancia que significa ter a sorte de poder dispor destas páxinas en lingua galega-, agasállame con este volume no que puxo, e pon, de actualidade o universo literario das escritoras támiles, desvela os seus focos de atención mais tamén o vincula coas voces doutras poetas galegas. Velaí como, alén das dúas escritoras arriba amentadas, conflúen aquí as expresións poéticas de Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Kutti Revathi, Yolanda Castaño, Sukirtharani, Yolanda López, Malatihi Maithri, María do Carme Kruckenberg e Chus Pato.

A lectura da totalidade dos poemas, que ademais se abren coa voz de Andal, poeta do século X, ofrecendo un texto no que o a similitude coa nosa literatura medieval  resulta emocionante («Vide connosco, ímonos bañar / vide connosco, se desexar»), alén do goce estético que ofrecen, resulta operativa para tender pontes, para ampliar perspectivas, para vehiculizar en boa parte xustos compromisos de xénero que semellan proxectarse no presente e que aínda entre nós precisan dun inequívoco apoio e dunha intensa resonancia pública. Ao fío do título desta publicación, oxalá este se convirta no necesario saúdo, nun futuro inmediato, que académicos e académicas deberían asumir para recoñecer o papel clave que as escritoras desenvolven pois, ata resulta un tanto pueril afirmalo, sen cuxo concurso na vida literaria, sen a súa presenza no día a día, o noso tempo sería inconcibible, tan inconcibible como resultan as súas clamorosas ausencias na sede académica galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , , | 2 Comentarios

Salma: «Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida»

 

Salma (Thuvarankurichi, 1970) comezou escribindo e difundindo poesía a través dun pseudónimo literario que agochase a súa identidade real,  aínda que hoxe segue a empregalo. Nesta conversa, que mantivemos mercé á ONG Implicadas no Desenvolvemento, que a trouxo a Galicia, a Edicións Xerais que publica o seu libro e a María Reimóndez, a súa tradutora e amable intérprete nesta entrevista, desvela algunhas claves da súa novela Despois da medianoite, que ata hoxe só viu unha versión en malaialam – lingua do estado de Kerala, na India- e outra en inglés. A súa palabra permite asomarse ao universo cotián dunha comunidade musulmá rural a través dun coro heteroxéneo de voces femininas coas que se percorren algúns dos grandes temas da literatura de todos os tempos.

-Seica a  lectura, e despois a propia escrita, lograron que rompese vostede cadeas. Por que?

-A lectura foi para min unha maneira de coñecer o mundo que había fóra da miña casa pois nesa época tiña que estar forzosamente recluída nela. Así puiden abrir o meu coñecemento á filosofía e a escritos políticos, e tamén me serviu para reflexionar sobre o grande que era o mundo e o pequena que era a miña vida e poder facerme preguntas sobre o sentido da vida.

Despois deste proceso, a escrita foi igualmente fundamental para poder expresar o meu coñecemento do mundo.  Sen lectura e sen escrita eu non podería soportar a miña vida pois vivía nunhas condicións de  moita opresión: ler era vivir, transformar os meus pensamentos.

-A novela transparenta como desde o particular se chega ao universal…, foi este un proceso calculado?

-Para min tivo moita influencia a lectura de moitas obras traducidas á miña lingua doutras literaturas da India, mais tamén da literatura rusa, francesa, autores hispanoamericanos…  A través desas lecturas vía como había moitos temas que estaban presentes en todas elas: sentimentos, cuestións relativas coa vida…, temas cos que eu conectaba e que tentei transmitir nestas páxinas, mais é o público quen terá que dicilo.

-A procura da liberdade, o devezo de xustiza, a crítica ao patriarcado, a presenza da muller sometida, os fundamentalismos reflectidos na novela…, son todos un?

-Para min o máis importante é o tema da liberdade e, concretamente, da supresión da liberdade, non só para as mulleres senón en xeral para o ser humano. É cando se vive nunha situación de supresión da liberdade cando agroman os grandes problemas. O poder político, relixioso, social e cultural tende sempre a controlar as persoas.

 -Que expectativas deposita nesta edición do seu libro en lingua galega?

-Axiña aparecerá tamén en alemán. Eu teño moita curiosidade por coñecer a recepción da novela, e as opinións que suscita ao ser o primeiro libro en támil vertido ao galego, porque para min esta tradución foi un proceso inesperado e sorprendente. En Támil Nadu, o meu país, este libro non tivo ningunha recensión favorable por cuestións de tipo político e patriarcal; mais a partir da tradución inglesa a novela comezou a obter algún recoñecemento e realmente devezo por saber como se vai entender esta historia, quen van ser os lectores e lectoras do libro e que opinións vai suscitar.  E non quero deixar de significar o meu agradecemento a María Reimóndez polo seu impagable labor.

 

Esta entrevista publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 11 de xuño de 2011, baixo o título de «Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Entrevistas, Narrativa | Coas etiquetas , , , , | 1 Comentario

Despois da medianoite, de Salma

 

Salma

Despois da medianoite (tradución de María Reimóndez)

Xerais, Vigo, 2011, 656 páxs., 23 €

Quen guste de inmiscirse e coñecer, mesmo emotivamente, a cerna dos  costumes e da idiosincrasia, as esperanzas e desesperanzas cotiás e vitais que alentan no espírito dunhas xentes, talvez de ficción, que poboan unha pequena vila india e musulmá, emprazada en Támil Nadu,  ten á forza que se achegar esta proposta.

         Nela constrúese un fresco vivísimo e cheo de plasticidade, tamén deseñado con crueza cando é preciso, de homes e mulleres que conviven cos altos muros que erguen os fundamentalismos de toda clase, mais faise axotando os posibles estereotipos pois tamén se acollen eses trazos que nos igualan a todos como seres humanos. E Salma deseña este universo cunha vontade hiperrealista, deténdose nos pequenos detalles da vida cotiá e debruzándose, con efectividade literaria, sobre asuntos que se consideran tabús na sociedade india: o propio corpo, a sexualidade ou a crítica á relixiosidade.

      No fondo, Salma foi tecendo un tapiz no que ficase constancia dunha vontade reivindicativa á busca teimosa da liberdade nun contexto ofegante  para trazar unha fermosa e dura metáfora sobre a opresión de todo tipo (patriarcal, política, económica, relixiosa, social…) que se exerce sen miramentos contra os máis febles. Unha sorte poder ler unha novela coma esta: vai directamente ao cerebro, mais tamén ao corazón.

 

Baixo o título de «Á busca da liberdade» esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 11 de xuño de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa, Tradución | Coas etiquetas , , , | 3 Comentarios

நன்றி மற்றும் எப்போதும் வரை (Salma, grazas e até sempre)

Resultoume unha experiencia moi grata,  e mesmo emotiva,  poder coñecer á autora támil Rokkiah, que adoptou o nome literario de Salma. Escoitar o támil, esa lingua milenaria coa que titulo o post (con certeza erroneamente), e mais dialogar con ela logo de poder ler esa intensa e desacougante novela que é Despois da medianoite, e que tan acaidamente deseña un universo do que non saes, non podes saír, nunca, indiferente pois proxéctase con forza desde o particular ao universal e pertence ao grupo desas propostas, raras por escasas,  que envolven mainiño ao lector, á lectora, sen soltarte até o final.

Beizóns a Xerais pola súa publicación e  a María Reimóndez por posibilitar lermos este libro na lingua galega e por responsabilizarse, a través de Implicadas,  das singraduras da observadora Rokkiah, a das profundas conviccións que tan diafana e artisticamente traslada ao papel, unha muller de quen diría que parece rodearse dunha auréola conformada por un substrato de resistencia que semella distanciamento, mais que esfarela deseguida cun sorriso escintilante. Tomara que poidamos ler, axiña, outras novas achegas na nosa lingua.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Opinión | Coas etiquetas , , , | 3 Comentarios