Tag Archives: Toxosoutos

Cráter, de Olga Novo

Olga Novo

Cráter

Toxosoutos, Noia, 2011, 193 páxinas, 14 €

 

Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar cun exercicio sinxelo pero revelador como sería realizar unha antoloxía de versos que por el circulan e penduralos en post-it para cubrir algunha parede libre  segundo os gustos de cadaquén; os meus serían, entre moitos outros: «o calcio da linguaxe / aliméntame os ósos»; «bisneta que fala co sílex da madrugada»; «poñendo a lingua no punto exacto que manda a madre fonética», «Vilarmao Vilarmao a rentes de ningún santo patrón na puta diocese da nada»; «metade flor de cerdeira / memoria cortada pola metade», «falo co reverso do padal / a esencia da linguaxe»…,  e as razóns destas eleccións non sei ben en que alicerzalas.

     Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar aludindo ao concepto de impacto, pois hai moito disto na súa disposición e obxectivos, mais tamén cumpriría apuntar ao acaído da estrutura cuadripartita pola que se optou: «Cinsas», o primeiro bloque, revela un testemuño dolorido, mais resistente e esperanzado contra a extinción das lembranzas, contra a ausencia e as ausencias. Declaracións de amor, talvez, polas orixes e por quen as simboliza -a nena, a nai, o pai, a bisavoa, o irmán, isto é, a estirpe: ese sistema linfático compartido-; polos espazos vivos na recordación que se «descalcifican» e nos que a fronteira entre a vida e a morte é case intanxible de maneira que logo de proxectalos no presente, na escrita, volvan adquirir vida; «Pedra», o segundo apartado, aséntase nos ecos dun pasado inmemorial e partillado;  »Lava», procura reflectir a instantaneidade de todo o que acadou e tocou e, por fin, »Rocha», que retorna, se é que algún día a autora saíu dela, á exaltación da linguaxe erótica.

    Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar sinalando o universo telúrico que agora se comparte, o ímpeto libertario que o domina a súa escrita, o esforzo por construír un manual que se converte nunha orografía, honesta e intensa, de si mesma, daquilo substancial no que acredita.

      Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar referíndose a esa deusa campesiña que vai marcando os ritmos, revelada en oráculo, que nos advirte e informa, que chega a sentir como esa nena rara, que por veces ninguén entende, esa nena visionaria é quen bole nos reinos do «mecanismo da delicadeza».

     Para falar deste Cráter de Olga Novo cumpriría se referir ás presenzas de Novoneyra, de Claudio Rodríguez Fer, de Carmen Blanco -quen prologa o volume-, de Emily Dickinson, da propia Rosalía de Castro, de Rilke e Gamoneda, de Luz Pozo, dun longo etcétera, pero talvez non sexa preciso pois este comentario vai longo de máis e só quería comezar a ser, isto é, convidar á lectura dun libro indispensable na poesía galega de hoxe. Toda unha regalía poder ler cousas así.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

Brais, de Guillerme Coen

Guillerme Coen

Brais

Toxosoutos, Noia, 2011, 175 páxinas, 13,52 €

 

Tras A calor dun niño (2008), un conxunto de relatos de fondo compostelán e orientación »social-realista» se se me permite o termo, volve probar sorte o escritor Guillerme Coen, a finais do ano pasado, con Brais, unha novela á que eu chego un tanto tarde pero iso creo que non é nada relevante. Con pouca repercusión nos medios escritos, que eu saiba, Brais enténdoa como un paso máis cara ao que probablemente o seu autor poderá ofrecer no futuro. Abeirado a un rexistro absolutamente realista, en ocasións hiperrealista, Coen constrúe un discurso que avanza linealmente a través da figura dun rapaz que chega a Compostela para iniciar os seus estudos universitarios -deixemos á marxe que é o que estuda pois «Filosofía e Letras», nun tempo histórico no que se manexan euros, resulta imposible-. Dunha sorte de revival parcial de La Casa de la Troya a novela transita pola relación sentimental que Brais mantén con Alexia, unha vella coñecida da Pobra do Caramiñal,  a quen xa trataba con anterioridade e que arrastrará un enfrontamento familiar de relevantes consecuencias para o final da novela.

       Ao meu ver o máis salientable desta entrega represéntao tanto esa vocación para a escrita que atesoura o autor como no feito de enfocar un traballo creativo destinado á literatura de consumo, da que sen dúbida estamos necesitados. No haber sitúo a solvencia na definición dos diferentes personaxes, a sinxeleza na súa estrutura e a pretensión de recrear o que se pode chamar «novela de iniciación», sen esquecer a plasticidade na reconstrución desa eterna Compostela, mesmo a súa conclusión, non sei se sorprendente pero cando menos  moi efectiva e cinematográfica. No debe, ao meu ver, alén de certos ruídos incorporados no rexistro lingüístico,  a presenza dalgunhas pasaxes creo que mellorables de puírense un pouco, pois en ocasións resultan un tanto inverosímiles, sobre todo no que atinxe a certos diálogos mantidos entre os dous protagonistas. Malia isto, coido que prosas como a presente cómpre valoralas na súa xusta medida e entendelas, como dixen arriba, como un paso máis na traxectoria dun autor que debería ir avanzando nas súas propostas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Novela | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo

Marcelino Fernández Mallo

Pallarega

Toxosoutos, Noia, 2012, 348 páxinas, 16 €

Non se estrea con esta densa novela Marcelino Fernández Mallo na narrativa en lingua galega pois no seu haber cómpre non esquecer  tres entregas que viron a luz anteriormente como foron Cabilia, A trenza e mais Klásicos.

     Nesta ocasión abéirase o autor a un esquema de xinea clásica que avanza linealmente e que, ademais, adopta unha perspectiva igualmente ortodoxa, unívoca e nunca contrastable con outras voces posibles, coa vontade de deseñar o universo vivencial que espellará a vida do protagonista, Nicolás Traseira, desde que este vén ao mundo aló polos anos trinta do pasado século até, talvez, a súa madureza ou, se se quere, a metade da súa vida, pois a novela morre dun xeito abrupto coma se a presente constituíse a primeira parte dun proxecto ideado para gozar de continuación.

    A relevancia das orixes rurais no perfil do personaxe, que se arraízan no espazo físico da Pallarega, fican remarcadas ao adoptar este topónimo como operativo para bautizar unha novela que posibilita ir percorrendo as vivencias do devandito Nicolás Traseira desde as experiencias sufridas na guerra civil ata os pasos dados en diversos lugares como Madrid, Morgade (Viveiro), A Habana ou A Coruña como referentes fundamentais.

    O discurso memorialístico que aquí se ofrece, emprazado no gume da realidade e dunha suposta ficción, transloce a intención de espellar un tempo moi concreto e mais unhas circunstancias vitais singulares co obxectivo de converter en materia narrativa, e loxicamente é moi lícito que así se pretenda facer, unha enxurrada de evocacións que resultan lamentablemente monocordes pois a adopción dun único punto de vista lastra a precisa dinamización e mais a viveza que un discurso deste tipo debería atesourar. Esta suma de recordacións, que non discuto han ter un valor persoal e que encerran unha innegable riqueza expresiva desde o punto de vista lingüístico, dificilmente logran suscitar o interese pois en moitas ocasións resultan previsibles chegando a converterse as máis das veces nunha sucesión de relatorios, en tantas ocasións de fondo case antropolóxico, por veces adobiados con tintes irónicos.

     Ademais, a inadecuada presenza de fragmentos discursivos en castelán, sexan estes de carácter documental ou dialogal, sospeito que en aras dunha pretendida verosimilitude, é xa un recurso tan superado e pouco acaído que particularmente nunca pensei volver achalo nunha proposta narrativa contemporánea, articulada en definitiva como un conxunto de “sucedidos” expostos a xeito de semblanzas, aos que lles falta a argamasa precisa para se uniren e amalgamarse con solvencia. As expectativas que se incorporan na contraportada do libro, concretamente as que afirman que o protagonista da novela, Nicolás Traseira, “pasará á historia da literatura galega” coido que, fóra de seren lícitas, resultan cando menos hiperbólicas.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 17 de marzo de 2012 baixo o título de «Tránsitos dunha vida».

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa | Coas etiquetas , , | 4 Comentarios

A cidade na poesía galega do século XXI, edición de Gonzalo Vázquez

VV.AA.

A cidade na poesía galega do século XX (edición de Gonzalo Vázquez)

Toxosoutos, serie Esmorga (escolmas), Noia, 2011, 224 páxinas, 14 €

 

Non son frecuentes as antoloxías, menos aíndas poéticas nestes tempos, que reparen nun asunto concreto como eixe vertebrador dos seus contidos. Isto é o que ocorre con A cidade na poesía galega do século XXI, unha antoloxía poética que vén da man de Gonzalo Vázquez e que xunta máis dun cincuentena de poetas, de diversas xeracións e sensibilidades, asediando o tema da «cidade» que, por outro lado, talvez non ocupase na nosa tradición literaria, por  moi desemellantes motivacións, un espazo salientable.

    Así pois este libro vén cubrir esta lagoa e faino dun xeito contundente e extenso, precedido dun breve e suxestivo limiar -sospeito de que da autoría do propio editor do volume-  que resume, en esencia, aquilo que quen se achegue ao volume ha atopar: «poemas que nos presentan cidades sen nome, cidades froito do estereotipo ou cidades que son parte dunha visión única sobre o feito urbano, cidades galegas ou alleas á lingua que as transmiten e rúas que son pisadas ou imaxinadas polos poetas que conforman esta relación».

As voces que integran o volume son variadas e moi diversas como se dixo, malia que boto en falta algunhas que talvez tamén expresarían algo interesante, mais entendo que resultan inevitables as ausencias nun traballo destas dimensións. Poemas inéditos algúns, xa coñecidos noutros casos, mais todos fiados pola presenza ou evocación da cidade ou das cidades -imaxinarias ou reais-, mesmo por asuntos máis ou menos veciños e que reflicten, por outro lado, a enorme pluralidade de puntos de vista, intencións e técnicas compositivas da poesía contemporánea, harmonizando voces de recoñecida traxectoria a carón doutras que aínda carecen de libro independente publicado, anoando relampos clásicos a carón de propostas filovangardistas ou experimentais… Poemas sobre a cidade  para goce da lectora, para goce do lector. Parabéns pola iniciativa.

PD. Deixo aquí a referencia ás voces que concorren neste libro: Xoán Abeleira, Marilar Aleixandre, Francisco Álvarez-“Koki”, Anxo Angueira, Alicia Baña. Xosé María Álvarez Cáccamo. Ramón Caride Ogando, Xosé Antón Cascudo Rodríguez, Yolanda Castaño. Xabier Cordal, Francisco Cortegoso, Marta Dacosta, Berta Dávila, Lois Diéguez. Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez. Francisco X. Fernández Naval, Manuel Forcadela, Antom Fortes Torres, Modesto Fraga, Xavier Frías Conde, Luís González Tosar, Mero Iglesias, María Lado, Xavier Lama. Alfonso Láuzara, Xosé Antón Laxe Martiñán, Alberto Lema. Rafael Lema. Xulio López Valcárcel, Verónica Martínez Delgado, Ricardo Martínez Conde, Rosa Méndez Fonte, Alberte Momán, Carlos Negro, Isidro Novo, Andrea Nunes Brións, Olga Patiño Nogueira, Xabier Paz, Ugia Pedreira, Ánxeles Penas, Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, María do Cebreiro Rábade Villar, Baldo Ramos, Mario Regueira, Claudio R. Fer, Alfonso Rodríguez Rodríguez, Miguel Sande, Xosé Luís Santos Cabanas, Xavier Seoane, Francisco Souto Barreiro, Xosé Vázquez Pintor, Xabier Vila-Coia, Helena Villar Janeiro, Miro Villar, Xabier Xil Xardón e Isaac Xubín.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Poesía | Coas etiquetas , , | 1 Comentario

Poesía completa (I e II), de Xosé Lois García

 

Xosé Lois García

Poesía completa (I e II)

Toxosoutos, Noia, 2011, (15 € volume) 

 

Está a pasar un tanto desapercibida, se cadra inxustamente, a publicación en senllos volumes da totalidade do traballo poético de Xosé Lois García desde os seus comezos até o ano 2009: un proxecto distribuído en dous volumes e que acada case as mil páxinas; un proxecto que ademais, coas dificultades inherentes aos tempos que corren, pon ao día a obra poética dun autor que, talvez por vivir fóra de Galicia e por non ter frecuentado a edición dos seus libros, agás algún título, en editoriais que contan con proxección mediática e que aseguran certa visibilidade, é aínda un autor pouco citado e pouco presente nas antoloxías poéticas malia constituír a súa unha achega singular e con acento propio no panorama da lírica galega contemporánea.

O primeiro volume desta obra completa ve a luz baixo o título de Por ninguén aloumiñada e recolle a poesía publicada polo autor no período que vai de 1972, data do seu primeiro libro (Cancioneiro de Pero Bernal, 1972), até os poemas de Do Faro ao Miño II, que viron a luz no ano 2005. Esta entrega inicial comeza cun extenso, preciso e clarificador estudo tanto sobre a biografía de Xosé Lois García como da súa obra poética que, se non estou errado, constitúe o achegamento global  máis extenso e completo dos  ata agora publicados; páxinas subscritas polo investigador Camilo Gómez Torres. Recomendo estas páxinas para coñecer tanto o humus vital que rodeou e rodea a vida do poeta como os elementos que poboan e outorgan sentido á súa obra poética, unha obra polifónica e prolífica marcada pola transmisión dunha estética comprometida e actuante no seu tempo, xunto coa recreación de asuntos que teñen que ver coa sensualidade e erotismo, e mais coa atención á lusofonía ou á memoria entre outros moitos.

Por último, en No sangue dos bardos recóllense seis poemarios que o autor publicou desde 2005 -iniciándose con Kalendas- até 2009 , concluíndo deste xeito coa edición dos titulados Poemas pornofálicos, poñendo o ramo a unha obra que, insisto, resulta todo un mérito publicar e que é operativa para reactivar con forza o universo lírico de Xosé Lois García, ensaísta, articulista e tradutor desde hai moitos anos. 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Poesía | Coas etiquetas , , , , , | 2 Comentarios