Tag Archives: Valentín Paz Andrade

Paz Andrade en La Voz en Espiral

Este pasado martes, 15 de maio, os amigos Suso Díaz e Maripaz Paz, desde Radio Fórum de Mérida e no seo do programa dedicado á poesía «La Voz en Espiral» centraron a última metade do programa, como era de regra, en Valentín Paz Andrade. Aí dialogamos, nesta ocasión en galego, sobre o seu perfil biográfico, leuse algún poema e mais falamos sobre ese libro acabado de aparecer, Poesía completa, da man de Xerais e do profesor Gregorio Ferreiro Fente, que redimensiona a faceta creativa do escritor do Lérez. Deixo aquí o programa para quen lle interese. Feliz, e reivindicativo, Día das Letras.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Día das Letras, Divulgación, Poesía, Programa radiofónico, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas , | Leave a comment

O país como tarefa literaria

Alén dos traballos de corte máis puramente biográfico, que os houbo, extraordinariamente documentados e moi precisos para divulgar a traxectoria vital de Paz Andrade, apareceron outras publicacións guiadas pola vontade de rescatar e pór ao día algúns títulos ou obras do escritor pontevedrés.

 UN LIBRO AURORAL

Entre os máis salientables cómpre se referir á reedición facsímile de Galicia como tarea que levou a cabo Edicións Xerais de Galicia: un volume hoxe inatopable na súa versión orixinal e que se publicara inicialmente polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e que, nesta ocasión, chega acompañado dun completo estudo introdutorio do que se responsabiliza Ramón Villares. Galicia como tarea resultou, e resulta, operativo para cifrar con fortuna  o obxectivo perseguido polo seu autor ao longo da súa vida pero, ademais disto, é considerado como un libro auroral do estudos socio-económicos galegos, un libro vixente para ollar o futuro con intelixencia, con dinamismo e esperanza.      

 

POESÍA COMPLETA

A mesma casa editorial acolleu tamén outro volume  que reformula ou redimensiona de vez a faceta poética de Paz Andrade coñecida ata agora. Refírome ao volume Poesía completa que, da man do profesor Gregorio Ferreiro Fente, é quen de ofrecer non só os tres libros poéticos que figuran na súa bibliografía senón unha inxente e realmente sorprendente obra lírica inédita e dispersa, entre a que se integran varios poemarios completos aos que se lle deu forma no período da Guerra Civil española como os titulados A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937) ou Cantos da aguia e do lobo (1937), alén de recuperar outros posteriores.

 

DIVULGACIÓN

         Para concluír coas reedicións, neste caso de pezas creativas máis ou menos breves, e desde unha perspectiva que contempla unha finalidade divulgativa, cómpre non esquecer tanto a Biografía. Antoloxía (Xerais) que subscribe Charo Portela e na que incluíu, na súa parte conclusiva, un variado repertorio de textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de especial utilidade para que o lectorado máis novo tome contacto coa obra do escritor de Lérez. Neste mesmo sentido é preciso acrecentar a Antoloxía (Galaxia) da que se responsabilizou o xornalista Xan Carballa na que, alén dun sintético percorrido biográfico  previo, engade unha extensa escolma que vai rescatando textos de diversos xéneros e que recalan nos asuntos que ocuparon a atención de Paz Andrade con máis intensidade, incorporando ademais algúns textos practicamente descoñecidos e outros de difícil acceso hoxe en día, articulados orixinariamente como discursos e ou colaboracións xornalísticas.

 

 MEMORIA DE CASTELAO

          A comezos dos anos oitenta do pasado século,  Valentín Paz Andrade repara que para coñecer a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao só se podía acceder a  algúns achegamentos de carácter parcial. Decatábase da existencia dunha eiva, a dos ensaios de carácter biográfico, aínda ben evidente hoxe agás algunhas excepcións. Deste xeito, beneficiándose do trato que mantivo con Castelao, mais tamén recadando datos e información, documentos e testemuños aquí e acolá, nun período sorprendentemente limitado que revela a súa intensa capacidade de traballo sendo xa octoxenario, logra dar cabo e publicar, en 1982, Castelao na luz e na sombra naquela exemplar colección que Isaac Díaz Pardo dirixía baixo o título de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”. Aquel libro reedítao agora a editorial Galaxia estreando a colección “Grandes biografías” cun limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane. Unha obra monumental, case inaugural no eido das biografías de grandes personaxes galegos,  na que o seu autor exhibe, por outro lado, unha inequívoca vontade estilística que harmoniza coa pulsión do biógrafo, do historiador e a do erudito, conseguindo un resultado admirable. Unha lectura, ou relectura, absolutamente imprescindible.

 

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La  Voz de Galicia, o 12 de maio de 2012, baixo o título de «O país como tarefa literaria».

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Día das Letras, Ensaio, Poesía, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas , , , , , , , | 1 Comentario

Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade man a man (en Raigames, novas CEF XXXIX)

Hai algunhas semanas solicitáronme un artigo que operase como nexo, como un dos posibles puntos de encontro entre Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade. Desta proposta que me realizaron desde a revista ourensá Raigames saíu «Os encontros Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade», no que rastrexo e dou a coñecer algunhas das vinculacións que puiden documentar entre os dous personaxes que protagonizan este ano, literaria e culturalmente falando.

     A revista articúlase, desde xeito, como un monográfico centrado na difusión de diversos aspectos de senllos escritores a cargo das achegas de Luís Ferreiro, Francisco López-Barxas, Antonio Piñeiro, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e José Ángel García López no que atinxe a aspectos diversos do celanovés, mentres que as colaboracións que se vinculan co autor de Pranto matricial veñen da man de Tucho Calvo,  Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Pérez Rodríguez, Charo Portela Yáñez, Emilio Rodríguez Portabales e Clodio González Pérez, ademais dunha cronobiografía da que se responsabiliza igualmente Afonso Vázquez-Monxardín Fernández. Esta entrega conta asemade  cun interesante texto de Xosé Neira Vilas, quen lembra as figuras dos seus dous amigos.
A revista conta coa posibilidade de descarga para a súa lectura premendo aquí e procurando a entrega número trinta e seis. Agradézolle aos responsables que contaran comigo pois, ademais, a súa difusión a través da rede posibilitará chegar a máis sitios e facilitará o seu acceso.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Celso Emilio Ferreiro, Día das Letras, Ensaio, Revista, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , | Leave a comment

Logo da mesa-redonda Paz-Andrade

Onte asistín á mesa redonda sobre Valentín Paz-Andrade que se celebrou na Casa Galega da Cultura baixo a organización, impecable e garimosa, da Fundación Penzol. Gustoume o acto pois a iniciativa permitiu escoitar voces moi autorizadas que traballaron sobre a vida e mais a obra de Valentín Paz-Andrade, integrando todas as casas editoriais que acolleron ou acollen publicacións sobre Paz-Andrade.   Que Galaxia, Xerais, Ir Indo e Biblos (mágoa da ausencia de Tucho Calvo, que tanto ten que dicir sobre o autor pontevedrés), co apoio do legado Valentín Paz-Andrade e baixo ese acobillo citado da Fundación Penzol, articulen conxuntamente un acto destas características talvez sexa máis relevante do que nunha primeira instancia poida semellar. É o tempo de xuntar esforzos, diso non teño dúbida.

     Das intervencións de onte realizáronse xa algunhas crónicas como a de Manuel Bragado, a do blog de Galaxia, ou nalgúns xornais. Particularmente quixera salientar as palabras de Charo Portela, que subliñou a con moito tino a importancia que constitúe ese tesouro informativo e vivencial que é o epistolario e que a investigadora puido manexar, e mesmo ordenar, transmitíndoo, e transmitindo así a palabra de Paz-Andrade nas súas dúas biografías -unha delas aparecida xustamente no día de onte-. Por outro lado, de Xan Carballa, remarcaría as súas palabras -tamén expresas nos seus traballos- destinadas a salientar a importancia de Paz-Andrade como xornalista ao longo de toda a súa vida. Cadro con el nesa valoración primordial do xornalismo como columna vertebral da súa actividade pública, a carón da literaria, a política ou a empresarial. Por suposto.

O local ateigado de público devecente por coñecer máis sobre Paz-Andrade foi, sen dúbida, o mellor testemuño do éxito dun acto, que non estaría de máis repetir cando se dean as condicións. Parabéns aos responsables da iniciativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crónica, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas | 6 Comentarios

Mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade

Coido que mañá martes, 10 de abril, pode ser unha boa oportunidade para coñecer as diversas dimensións que constrúen o perfil intelectual de Valentín Paz Andrade a través de tres das voces que afondaron, máis recentemente, no estudo da súa obra e mais da súa biografía como son Tucho Calvo, Charo Portela e mais Xan Carballa, actuando como moderador Miguel Anxo Seixas. O acto desenvolverase na Casa Galega da Cultura, ás oito do serán, e o acto completarase cunha pequena mostra bibliográfica e documental resultado dunha escolla do que na Fundación Penzol se conserva sobre o persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano. Voces autorizadas, pois, para ter un cabal coñecemento de Paz Andrade. Convén non perdelo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Convocatoria, Valentín Paz Andrade | Coas etiquetas , , , | Leave a comment