Tag Archives: Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor

Vieiros de palabra, X.C. Domínguez Alberte (coordinador)

Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador)

Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor

Librería Conde, Celanova, 154 páxinas, 2012, (edición non venal)

 

Hai algúns anos, concretamente no ano 2000 se a memoria non é traizoeira, a libraría viguesa Cartabón publicou un fermoso libro coordinado por Fran Alonso para celebrar o seu aniversario, baixo o título de Minirelatos, ao que se convidaran creadoras e creadores de diversas promocións literarias para engrosar un volume que se axustase ao xénero do microrrelato. Aquel libro, pioneiro dalgún xeito nestas iniciativas, e que contaba con fotografías de Manuel G. Vicente, goza agora dunha feliz continuidade a través da proposta que a libraría celanovesa Conde quixo realizar para agasallar os seus clientes por mor do seu vinte e cinco aniversario.

    Foi, ao meu ver, unha acaída decisión responsabilizar ao escritor  Xoán Carlos Domínguez Alberte para coordinar, introducir e editar un apreciable número de textos literarios, neste caso de temática e xénero libre, que agrupase a escritores dos territorios veciños da Terra de Celanova e Baixa Limia que tivesen, que tivésemos, algún elemento que nos vinculase, afectiva, familiar ou vivencialmente coa zona.

    E velaquí o resultado, ao meu ver magnífico, que acobilla textos literarios de moi diversos autores e autoras a carón de espléndidas fotografías realizadas ad hoc por Toni Álvarez, responsable de Fotonova en Celanova (incorporo á esquerda que me realizou a carón do busto celanovés de Celso Emilio realizado por Buciños). Descubro, lendo no libro, a existencia dun monllo relevante de voces -dedicadas á narración, á poesía ou ao ensaio- que estreitan vínculos, por moi diversas razóns, cos espazos devanditos de Celanova e Baixa Limia. Un libro plural e vario que acolle propostas de ficción ou non, entre outras moitas persoas, de Anxo Angueira, Susa Blanco, Lola Gándara, Francisco Castro, Suso Díaz, Xosé L. Méndez Ferrín,  Isabel Mociño,  Luís Pérez, Xosé Mª Paz Gago, Baldo Ramos, Xosé Benito Reza, Xurxo Sierra ou Xulio Sousa Fernández. Beizón por esta achega que, da man duns libreiros e dun solvente coordinador e editor,  ensancha e proxecta  a relevancia cultural dun territorio ben definido,  que foi e é extraordinariamente fecundo para as letras galegas.

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio, Narrativa, Poesía | Coas etiquetas , , | Leave a comment